martes, 10 de marzo de 2009

CIRCUS PYGARGUS

Dende primeiros de Abril, se nos damos unha volta pola serra do Suído, tal vez xa poderemos ver os primeiros exemplares de Tartaraña cincenta (Circus pygargus). Seguramente sexa un macho, que son os que normalmente primeiro chegan.

Cando vemos unha Tartaraña por terras de A Lama, Fornelos ou Covelo, é case inconfundible.
Con un aspecto lixeiro, percorre as pequenas ladeiras, como se estivese flotando no mar. O seu corpo miúdo, longo rabo, ás estreitas e aguzadas, fana moi difícil de confundir, agás, con algunha case inexistente Gatafornela (Circus cyaneus) dende longa distancia. Pero aínda así, se nos atopamos en este punto xeográfico a poboación de Tartaraña é aprox. un 90% de exemplares, son de fase escura.
A diferencia de outros puntos da península por aquí son moi abondosos os exemplares escuros, sendo a coloración típica, bastante escasa.

Eu, so teño localizada unha parella con esta coloración na serra do Suído e os seus arredores. Unha parella, única e estable, con presencia no seu territorio dende hai polo menos tres anos.



Estes que vedes, é a parella que menciono.
Sobrevoando elegantemente as terras do Suído en busca do seu alimento. Alimento, que deron ven conta del, como podedes comprobar.
As tomas foron realizadas, ala polo mes de Agosto de 2008 mentres non se cansaban de comer neses insectos que parecían moi abondosos. Nada máis capturalos, o primeiro que fan é esmagarlle a cabeza en pleno voo, antes de buscar un pousadoiro para comelos. Estes voos terían que ser acompañados de algún xuvenil, para ensinarlle como sobrevivir en plena liberdade, pero, tralo desastroso ano para a especie, por mor de tanta chuvia durante a tempada de cría, non puido ser.


¡¡Exemplares en fase escura, vaia lea!! A información que atopei de estes exemplares, foi moi escasa, e incluso confusa en canto a coloración de machos e femias. Por aquí os machos son maioritariamente de cor gris escuro, misturado con unha tonalidade de acastañada, co rabo de cor gris máis clara que o corpo, e non presenta ningún tipo de risca tanto no rabo como nas ás. Outra característica dos machos, é a cor uniforme nos exemplares adultos nas rémixes primarias e secundarias, tanto na parte inferior como na superior. Destacan tamén as súas patas de cor laranxa.


As femias son de cor marrón escuro e incluso, practicamente de cor negra moi destacada e presentando tamén patas de cor alaranxada. Un dos puntos principais para diferenciar estas dos machos, é que sempre teñen as rémixes primarias e secundarias raiadas o mesmo que o seu rabo.
Ante todo pedir desculpas por non poder máis imaxes decentes de femias adultas, pero nestas dúas fotografías, podemos ver os detalles que vos indico. Nesta primeira unha femia adulta, nas que se pode apreciar as riscas das rémixes primarias e secundarias, o igual que as do rabo (exemplar macho o fondo).











En estoutra, apreciase a coloración negra do exemplar.














Imaxe dun exemplar de 1º inv. coa plumaxe típica da especie.









Aquí apreciamos un individuo en fase escura, seguramente un 2º inv.















Este exemplar de 1º inv. divagante, como outros da súa mesma idade, sen darse conta aproximouse a un niño dunha parella da mesma especie. Rapidamente foi escorrentada polo macho, con unha actitude moi agresiva, como é común neles á hora de protexer os niños.

Azores, Albelas, Miñatos... todos eles foron obxecto do acoso destas lixeiras aves, que non dubidan en fustrigar calquera posible predador, para previr unha agresión o seu niño. Pero o maior perigo para estas, non creo que sexan as demais aves rapaces, senón, unha vez máis, a imparable man do home. As Tartarañas que levo visto por estas terras, precisan de unha cuberta de Toxos (Ulex europaeus) que rolde o metro de altura, para poder estar seguras. Queimas e rozas constantes, parecen ser o seu maior perigo. Non semella que a presencia humana sexa un problema para estes exemplares. Onde este mesmo ano pasado, unha nova parella que se instalou no concello de A Lama, tan só o fixo a menos de cen metros de unha estrada, e sendo este, lugar frecuentado con asiduidade por persoas.
Pero como mencionaba, a cobertoira de matogueira foi a axeitada para instalar un niño.
Esta nova parella, perece que tampouco tivo sorte coa cría en 2008. A culpable, supoño que tanta chuvia, porque alimento, eu diría que non lle faltou. As presas que maioritariamente lle vin capturar ó macho, foron réptiles. Réptiles coma este Liscrán (Anguis fragilis) que vedes nas imaxes. Isto mesmo indicaban, as numerosas egagrópilas que atopei nun dos pousadoiros que frecuentaba esta parella. Nos que se ven, en todas elas un cúmulo de escamas de réptil.




Xa faltan poucas semanas para que estas aves retornen dende terras africanas. Eu estarei ansioso esperando a súa chegada, e poder contar boas novas de estas donas do vento. Novas que espero que se traduzan en moitos xuvenís, como me sucedeu en 2006 que puiden ver ata sete xuntos no mes de Agosto, antes de emprender a súa longa viaxe.

Nota: ¿Emparellanse exemplares escuros con comúns?(A miña percepción de momento e negativa).

2 comentarios:

Cosme Damian Romai Cousido dijo...

Excelente post.

Xa están a chegar...

Damián

xurxo dijo...

Felicidades polas fotos, xa chegaron.. o domingo pasado vin unha femia gatafornela. O día non acompañaba e ademais das albelas, e algún miñato non se realizou ningunha observación máis.