jueves, 7 de mayo de 2009

¡Xa estamos case todos!

Estas dúas últimas semanas o paso prenupcial estivo... tal vez frouxo. Tal vez foi frouxo, ou simplemente algo máis rápido, polo feito de que as aves aproveitaron os poucos días favorables para a súa migración e detivéronse menos polo camiño. Fora como fose, o certo é que non me podo queixar en canto a número de especies. Entre novos avistamentos e chegadas os seus territorios de diferentes especies, tiven suficiente no que enredarme.
Algunha especie nova para min na provincia, foi ver un Voitre leonado (Gyps fulvus) sobrevoando a escasa altitude a A-52 no concello de A Cañiza ou este Trigueiro (Miliaria calandra) na serra do Suído.


En A lama este Miñato negro (Milvus migrans) estivo voando non lonxe de min, mentres tentaba comer algo de cor rosado que tiña nas poutas. Todo isto mentres observaba dúas femias e un macho de Tartaraña cincenta (Circus pygargus) con constantes disputas, nun territorio ocupado xa o ano anterior.



Con sorte vin a miña primeira Avenoiteira do ano (Caprimulgus europaeus), que moi xentilmente deixouse facer unhas fotos.


Unha das cousas que máis me gustan e que máis satisfaccións me da, é ver como lles vai a algunhas das especies que crían polas serras, ou poder comprobar un ano máis que seguen regresando ós seus territorios de cría.

Unha das especies que máis me gusta é a de Pedreiro cincento (Oenanthe oenanthe), e en especial esta parella que vedes. O macho xa leva na zona dende o mes de Marzo e a femia chegou a finais de Abril. Sempre que me achego polo seu territorio e adícolle un pequeno rato a observalos. Aínda non comezaron co proceso de cría, a femia parece que non se decide onde instalar o niño, e pásase case todo o día estudando buratos e físgoas nas pedras, mentres o macho a segue moi tranquilo dun lado para outro, o mesmo tempo que capturan insectos.






Outros recen chegados son as Picas papudas (Anthus campestris). Dúas, son as puiden ver no Suído, cada unha en sendos lugares onde xa as localicei o ano pasado. Moi activas e reclamando constantemente, puiden localizalas con facilidade. Un terceiro exemplar vino nos Montes da Paradanta, o cal máis adiante xa lle votarei outro vistazo por se non foi un exemplar en paso e puidese estar instalado na zona.





Merlo rubio (Monticola saxatilis) Con esta especie levei unha das maiores alegrías destes días, cando atopei a dous machos cantores no Suído. Tras observar unha femia a finais de Abril e agora atopar estes dous machos no mesmo lugar, todo indica que polo de agora esta especie esta indo para arriba na serra. Crucémo-los dedos e que non sufran ningún tipo de alteración no seu lugar de cría. Porque poder ver o macho desta especie é unha autentica satisfacción para a vista (se é cantando mellor).

Por último só decir que xa puiden ver dous exemplares de Falcón pequeno (Falco subbuteo) e polo demais, todo coma sempre, pois que non fale de Aguias albelas (Circaetus gallicus) non quere dicir que non haxa ou que non as vexa. Cada especie co seu, como este xoven que tras capturar unha pequena presa, foi perseguido por un Corvo grande (Corvus corax), ¡o de tódolos días!

"Sigo a espera de comecen a chegar os Picanzos"


No hay comentarios: