martes, 1 de junio de 2010

Repasando

Estas últimas semanas non hai demasiado que salientar pola serra do Suído e a súa contorna.
Facendo un repaso dende mediados de Maio, destacar un notable paso de Vencello común (Apus apus) e en menor medida de Andoriña do cu branco (Delichon urbica) entre os grupos de Vencellos.


Coma sempre a partir de mediados de Maio xa se deixan ver e oír os primeiros exemplares de Picanzo vermello (Lanius collurio).


A Fulepa amarela (Hippolais polyglotta) estes días, é unha constante escoitar o seu reclamo en case calquer lugar das zonas que frecuento. Principalmente en lugares abertos con xestas ou silveiras.


Moito se fala de que cada vez se escoita menos o Cuco (Cuculus canorus). Eu sen entrar en moitas fonduras ó respecto, aínda o sigo escoitando en moitas zonas dos concellos de Redondela, Soutomaior, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Fornelos de Montes, A Lama, O Covelo e A Cañiza. Seguramente foi máis común do que é, pero aínda así en certas zonas segue sendo moi común, e podendo observar e escoitar barios exemplares ó mesmo tempo. Os machos da especie non se deben tolerar moito e sempre están en constantes disputas como estes das fotos.


Este ano parece que este exemplar inmaturo de Aguia albela (Circaetus gallicus) e o que máis frecuenta a serra do Suído.


Aínda que algún que outro se deixa ver tamén, e semella que unha parella pode estar criando non lonxe da serra.


As Tartarañas cincentas (Circus pygargus) este ano noto en falta máis exemplares pola serra, e en outros puntos onde se viña observando con frecuencia a especie. Aínda que este non sexa un bo ano en canto número de parellas, esperemos que as que hai lles veña tempo favorable e teñan éxito na cría.


Unha grata sorpresa destes días foi atopar outra vez a parella de Escribenta amarela (Emberiza citrinella) no mesmo lugar do ano pasado, no concello da Lama. Este é o macho, que é o máis se deixa ver polo lugar.


En canto a Pica das árbores (Anthus trivialis) non parece un mal ano para a especie, podendo atopar varios exemplares cantores en zonas onde en anos anteriores era máis escasa.


Estes días son moitas as especies que se poden ver cos seus polos ou portando bicadas os seus niños, como esta parella de Pedreiro cincento (Oenanthe oenanthe), as que me sorprendeu ver portar bicadas o niño xa dende o pasado 24 de Maio.



A parte de ir vendo aves, estes días da gusto andar polo monte e atoparse con toda a natureza en pleno apoxeo.

Podarcis hispanica

No hay comentarios: