miércoles, 11 de agosto de 2010

Poñéndonos ó día


Tras un parón vacacional e coincidindo que comeza a haber algo de movemento de aves, regreso por aquí outra vez.

O pasado mes de Xullo case non puiden saír o campo, e polo xeral un mes moi aburrido con moi poucas cousas novas e si moita calor. Se non que llo digan a este raposo.



Este é un resumo do que puiden ir sacando dalgunhas especies que crían polo Suído e algúns lugares da contorna.

Unha parella de Pedreiro cincento (Oenanthe oenanthe) saca adiante cinco polos a mediados de Xuño.


Este ano parece que non criou aparella de Merlo rubio (Monticola saxatilis) que viña controlando na serra. Aparentemente pola ausencia dunha femia pola zona este ano.


Un bo ano para a Pica campestre (Anthus campestris). Localizando catro parellas con un mínimo de dous polos por parella.


A pesares das poucas parellas de Picanzo vermello (Lanius collurio) que localicei no Suído, si parece que tiveron bo éxito na cría, tanto na serra como noutros lugares próximos.


A Tartaraña cincenta (Circus pygargus), este ano foi a hecatombe. Con moi poucos efectivos adultos e, a día de hoxe aínda non vin ningún xuvenil.


A Aguia albela (Circaetus gallicus), hai unha parella que frecuenta a serra e está asentada fora desta, xa se verá o longo deste mes se aparecen voando con un xuvenil.
Unhas fotos destes días, con un atalaia pouco natural, pero si frecuentada pola especie cando estas se atopan nos seus lugares de caza.


Este ano puiden ver bastantes exemplares de Pica das árbores (Anthus trivialis) en comparación a anos anteriores en época estival. Aquí este xuvenil confiado no alto de Fontefría.


Sen dúbida Xullo é a época dos xuvenís:

Un Cuco (Cuculus canorus) por aquí,


un Liñaceiro (Carduelis cannabina) por alí,


outro Cruzabico (Loxia curvirostra) por ala,


e así con numerosas especies.


A día de hoxe na serra do Suído como e habitual nestas datas, hai un bo número de Miñatos (Buteo buteo).


e de Lagarteiros (Falco tinnunculus) que se veñen alimentar a serra,


e dende finais de Xullo un Picanzo real (Lanius meridionalis) pola zona onde ben aparecendo nos últimos anos por estas datas (unha foto do ano pasado).


Tamén numerosos grupos de Tordo charlo (Turdus viscivorus)


e aumento de Corvo grande (Corvus corax).


Para rematar, o que me deixou sorprendido foi atoparme con este macho inmaturo de Esmerillón (Falco columbarius) por estas datas.


3 comentarios:

Cosme Damian Romai Cousido dijo...

Ola Óscar!

Parabéns pola cita do Falco columbarios veraneante (que data exacta, en que concello?).

Ollo aos lagarteiros, xa que estes días se están a ver por Lugo algúns Falco naumanni, e agosto é un mes moi bo para tentar localizar algún pola Dorsal Galega.

Apertas e parabéns,
Damián
P.D.: Juan Carlos Cabrero e José Luis Viñas xa queren voltar pola túa zona... é que engancha!

Óscar M. Roza dijo...

A observación é do día dez na vertente de Avión e agochado do vento. Todo o contrario que o resto de rapaces. A cita está colgada no NOG.
Ultimamente non teño moito tempo, pero esperemos que caia algún naumanni este ano.
O que me parece moi raro e que non saquen ningún en Ourense.

Apertas e un saúdo os compañeiros.

Miguel Mosquera dijo...

Ola Óscar,
sen dúbida que este non foi un bo ano para as tartarañas cincentas no Suído. Menos mal que na zona sur deixáronse ver nalgunha zona tradicional cando a súa non presenza comezaba a ser preocupante.

Moi boas as fotos da albela.

saúdos