lunes, 26 de abril de 2010

Primeiras chegadas

A verdade que xa da gusto andar estes días polas nosas serras a primeiras horas da maña. O calorciño xa se deixa sentir e as aves tamén o agradecen, que dende as primeiras luces do día xa comezan a realizar os seus cantos.
Para min un dos máis agardados e sentir o canto do Merlo rubio (Monticola saxatilis), que un ano máis vólvese escoitar pola serra do Suído. Parece que polo de agora so hai un macho, e este pásase todo o día cantando en busca dunha resposta. Estaremos atentos como vai indo a cousa. Un par de fotos destes días.


Tamén xa chegaron algunhas Picas papudas (Anthus campestris) con tres exemplares nos mesmos territorios de anos anteriores.


Destacar un ano máis unha boa densidade de Cuco (Cuculus canorus) no Val que comprende a zona alta do río Tea entre o Suído e o Faro de Avión. Con barios machos cantores e algún moi doado de ver na zona do Suído, cantando de penedo en penedo.
Esta femia tal vez estaría agardando a súa oportunidade para depositar algún ovo.


Polo demais e unha magoa mencionar o xa patente retroceso da Aguia albela (Circaetus gallicus) na serra do Suído dende a construción do parque eólico. Pasando de común ata case dicir esporádica. So espero que aínda que se vexan menos, ningún outro exemplar tivese algún tipo de atranco cos aeroxeradores e soamente cambiasen de lugar de campeo.

En canto a Tartaraña cincenta (Circus pygargus) on sei como estará a cousa por outros lugares pero estou vendo moi poucos efectivos, con so dúas parellas asentadas. Unha no Faro de Avión e outra no Suído. Tal vez terá que ver que este ano as xeadas caíron con forza ata hai poucas datas e as toxeiras nas zonas altas aínda están moi queimadas e case sen agomar, e se a isto lle sumamos os desbroces e as queimas que se fixeron... pois a cousa non pinta moi ben. Xa se verá que vai sucedendo. Como se di normalmente "unha de cal e outra de area".

Espero non ser pesado, pero non podo evitar poñer un par de fotiños de estas aves.


Se alguén sabe o nome desta bolboreta e mo quere indicar sería de agradecer. Puiden ver un par deles polo Suído.

miércoles, 21 de abril de 2010

Últimos días

Estas dúas últimas semanas deixouse sentir o paso prenupcial dalgunhas especies, principalmente de Pedreiro cincento (Oenanthe oenanthe). Nun percorrido que fixen no alto do Suído duns 6,5 km, puiden contar 27 ex. con cinco machos emparellados ( isto non significa que vaian criar por aquí). Unha das parellas que cría na serra xa esta instalada no seu lugar e como dato curioso o macho presenta un estado de muda xa nupcial,


cousa que ningún outro que vise estes días a tivese, todos eles coma este da foto.


Tamén tivemos unha peque na irrupción de Merlo papobranco (Turdus torquatus) pola nosa terra, aínda que semella que foi máis polas serras costeiras. Podedes ver algo máis no Blog de José Ramón. Eu no Suído puiden ver un exemplar que case non se detivo. Cruzoume voando, pousouse un momento e continuou cara o norte.
Xa vin as miñas primeiras Tartarañas (Circus pygargus), todas elas escuriñas por non non variar, claro está.


Algunha foto máis dos últimos días polo Suído. Como esta de Pica dos prados (Anthus pratensis) que aínda segue algunha pola serra.

Alauda arvensis

Alectoris rufa

Esta Bubela (Upupa epops), atopábase en San Vicente (Fornelos) papando este verme mentres a observaba. Logo púxose a descansar na mesma herba. Eu ó ver que non facía nada déuseme por "imitar o seu reclamo".


Xamais pensei obter resposta.


Primeiro comezou a erguer a crista como vedes na foto e a facer uns carraspeos.
Logo foise para un carballo próximo e comezou a reclamar en resposta o meu "repertorio". Momentos curiosos, que nos depara o campo.

Narcisus triandrus

miércoles, 7 de abril de 2010

VOITRE NEGRO no Suído


As especies estivais, parece que van chegando por contagotas. O pasado día dous 3 Anduriñas dáuricas (Hirundo daurica) na zona de Fragas (Campo Lameiro), e na serra do Suído pouco a pouco vanse xuntando especies.
Esta semana xa puiden ver as primeiras femias de Pedreiro cincento (Oenanthe oenanthe). Con dous exemplares polo mesmo lugar.


Tamén este Luns con un bo día de sol, deixáronse ver tres adultos de Aguia albela (Circaetus gallicus), case voando xuntas.


O que se me segue resistindo son as Tartarañas (Circus pygargus). Barias persoas xa as viron pola serra, pero eu nin a primeira.
Esta parella de Lavanco real (Anas platyrhynchos) xa levan unhas semanas polo alto da serra, frecuentando pequenas pozas como a que vedes.


Onte a pesares do negro que se estaba poñendo o día decidín achegarme ata o Suído. Nada máis chegar a serra, levei unha grata sorpresa. Unha silueta negra voando como unha "cometa" fixo que se me acelerase a sangue. Cando me fun achegando máis, xa o recoñecín perfectamente. Un Voitre negro (Aegypius monachus) na serra do Suído.


Esta é unha desas especies que sen saber porqué, lle colles unha especial estima. Non será unha rareza, nin a primeira vez que se ve na nosa terra, pero eu é a primeira vez que a observo e facelo no Suído ten un sabor especial.
Algo máis de media hora foi o tempo que o estiven observando ata que me fun do lugar, porque o individuo quedaba pola mesma zona.


Durante un ratiño estivo acosado por un Miñato (Buteo buteo), onde nesta foto pódese apreciar a gran diferencia de tamaños.


Vanessa cardui 13-8-2009 Serra do Suído.