sábado, 28 de agosto de 2010

Falco naumanni no Suído

Onte Venres, fixen unha visita rápida pola serra do Suído. Nada máis chegar polas zonas altas da serra xa se deixaban ver grupos de Lagarteiro (Falco tinnunculus). Notábase un incremento de exemplares con respecto a xornadas anteriores e isto animoume a buscar entre eles por si saltaba a lebre e atopaba outra anela. E si, saltou. En forma de Lagarteiro das torres (Falco naumanni). Que curioso, o outro día buscando algún naumanni atopo un tinnunculus anelado. Onte buscando un tinnunculus anelado atopo un naumanni.

Unhas fotos testemuñais do exemplar.

Eu teño moi pouca experiencia con esta especie e aínda que se aprecia a tonalidade máis clara con respecto a F. tinnunculus e ausencia de bigote, non me din satisfeito ata verlle as uñas claras, sendo este un dato inequívoco.


Seguiremos buscando.

miércoles, 25 de agosto de 2010

Lagarteiro Alemán

Antes de nada facer unha unha mención as dúas Aguias albelas (Circaetus gallicus) mortas por colisión con aeroxeradores na serra do Suído. Sinceramente non me apetece falar moito do tema, por iso vos deixo este enlace da Asemblea do Suído onde explican moi ben este asunto.
Para seguir dando boas noticias , hai pouco tempo acaban de facer unha nova zona de caza permanente no Suído.
"Eu sigo estando tranquilo, que seguro que antes das próximas eleccións e xa cando non teñamos nada que salvar, declaran esta serra como ZONA DE ESPECIAL PROTECCIÓN PARA AS AVES".
Esperemos que estas imaxes non queden para o recordo.


Como comento na entrada, puiden ver hai uns días un Lagarteiro (Falco tinnunculus) portando unha anela verde na pata esquerda. Co asunto da anela non me fixei se era un xuvenil ou unha femia, pero si sei de onde é o proxecto gracias a Antonio Gutierrez que sempre se porta con estes asuntos, e tamén agradecerlle que enviase os datos ó anelador por terceiros, dado que o correo de Ulrich Augst daba erro. Pois iso este é un proxecto de Ulrich Augst que anela estas aves en Sächsische Schweiz (a 1950 km en liña recta da Serra do Suído) na rexión de Saxonia (Alemaña). Como ten o anel verde na pata esquerda esta ave naceu nunha árbore a esquerda do río Elba (a dereita do río se a tivese na pata dereita e vermella se nacese en parede rochosa).
No Blog de Ángel Ruiz -Aves de la ría de Ajo- podedes ver unha ave de este mismo proxecto.



Outra sorpresa foi atoparme con esta femia e un xuvenil de de Merlo rubio (Monticola saxatilis) no Suído.

O paso migratorio xa avanza con forza pola serra. Con numerosos exemplares de Picafollas musical (Phylloscopus trochilus) como este da foto.


Bastante Pica das árbores (Anthus trivialis), un exemplar de Rousinol (Luscinia megarhynchos), os primeiros individuos de Chasco norteño (Saxicola rubetra)


e un exemplar de Rabirubio real (Phoenicurus phoenicurus).


Este parece ser un bo ano de Pica campestre (Anthus campestris). Podendo observar exemplares case por calquer punto do Suído. Mentres algunha parella local segue cebando polos.

miércoles, 11 de agosto de 2010

Poñéndonos ó día


Tras un parón vacacional e coincidindo que comeza a haber algo de movemento de aves, regreso por aquí outra vez.

O pasado mes de Xullo case non puiden saír o campo, e polo xeral un mes moi aburrido con moi poucas cousas novas e si moita calor. Se non que llo digan a este raposo.



Este é un resumo do que puiden ir sacando dalgunhas especies que crían polo Suído e algúns lugares da contorna.

Unha parella de Pedreiro cincento (Oenanthe oenanthe) saca adiante cinco polos a mediados de Xuño.


Este ano parece que non criou aparella de Merlo rubio (Monticola saxatilis) que viña controlando na serra. Aparentemente pola ausencia dunha femia pola zona este ano.


Un bo ano para a Pica campestre (Anthus campestris). Localizando catro parellas con un mínimo de dous polos por parella.


A pesares das poucas parellas de Picanzo vermello (Lanius collurio) que localicei no Suído, si parece que tiveron bo éxito na cría, tanto na serra como noutros lugares próximos.


A Tartaraña cincenta (Circus pygargus), este ano foi a hecatombe. Con moi poucos efectivos adultos e, a día de hoxe aínda non vin ningún xuvenil.


A Aguia albela (Circaetus gallicus), hai unha parella que frecuenta a serra e está asentada fora desta, xa se verá o longo deste mes se aparecen voando con un xuvenil.
Unhas fotos destes días, con un atalaia pouco natural, pero si frecuentada pola especie cando estas se atopan nos seus lugares de caza.


Este ano puiden ver bastantes exemplares de Pica das árbores (Anthus trivialis) en comparación a anos anteriores en época estival. Aquí este xuvenil confiado no alto de Fontefría.


Sen dúbida Xullo é a época dos xuvenís:

Un Cuco (Cuculus canorus) por aquí,


un Liñaceiro (Carduelis cannabina) por alí,


outro Cruzabico (Loxia curvirostra) por ala,


e así con numerosas especies.


A día de hoxe na serra do Suído como e habitual nestas datas, hai un bo número de Miñatos (Buteo buteo).


e de Lagarteiros (Falco tinnunculus) que se veñen alimentar a serra,


e dende finais de Xullo un Picanzo real (Lanius meridionalis) pola zona onde ben aparecendo nos últimos anos por estas datas (unha foto do ano pasado).


Tamén numerosos grupos de Tordo charlo (Turdus viscivorus)


e aumento de Corvo grande (Corvus corax).


Para rematar, o que me deixou sorprendido foi atoparme con este macho inmaturo de Esmerillón (Falco columbarius) por estas datas.